Página  >  Opinião  >  A cruda realidade da violencia de xénero

A cruda realidade da violencia de xénero

A violencia de xénero é a pandemia da sociedade actual. A educación pode xogar un papel importante como una medida de prevención.

Nos últimos anos, o concepto da violencia de xénero non estivo exento de controversia. Aínda que inicialmente se falaba de violencia doméstica, foron moitos os/as autores/as que se negaron a utilizar ese termo; xa que presentaba un dobre problema: por un lado, non especificaba a dimensión de xénero, e por outro, tampouco mencionaba quen era o agresor.
Consideramos que o concepto máis completo é o de violencia de xénero, que se define como a aplicación da distinción de xénero e o sometemento incuestionable a esta dentro dunha cultura patriarcal e sexista, a que explica a violencia que sofren as mulleres, polo tanto é, en definitiva, unha violencia sexista ou violencia machista froito de adxudicar diferentes características e roles a mulleres e homes e colocalos nunha xerarquía na que os homes ostentan o lugar superior privilexiado. Dende esta filosofía maniféstase a OMS [Organização Mundial de Saúde] á hora de delimitar a violencia contra as mulleres (1994), ao identificala como todo acto de violencia sexista que ten como resultado posible ou real un dano de natureza física, sexual ou psicolóxica, incluíndo as ameazas, a coerción ou a privación arbitraria da liberdade para as mulleres, prodúzase esta na vida pública ou na privada.
A violencia exercida contra as mulleres, que dase maioritariamente dentro do ámbito familiar, segue representando o crime encuberto máis numeroso do mundo, e identifícase co fenómeno do iceberg. Esta metáfora trata de reflexar as importantes diferencias entre os datos de incidencia rexistrados e a incidencia real estimada. De forma que os datos rexistrados oficiais representan só unha mínima parte do problema da violencia de xénero. A maior parte dos casos de violencia non son social nin institucionalmente visibles, quedan debaixo da línea de flotación do iceberg, e polo tanto, non son visibles. De ahí, que as cifras que presentan os diversos estudos posiblemente non representen a verdadeira dimensión do problema e que representan únicamente a punta do iceberg.
Nun estudo multinacional patrocinado pola OMS, no ano 2005, os resultados confirman que entre o 13 e o 61% das mulleres en todo o mundo sufriu algún tipo de violencia física pola súa parella polo menos unha vez. Segundo as declaracións do secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, ante a Comisión de Nacións Unidas sobre a Situación da Muller, en Febreiro de 2008, polo menos unha de cada tres mulleres no mundo padecerá malleiras, verase obrigada a ter relacións sexuais contra a súa vontade ou será vítima dalgún outro tipo de abuso no transcurso da súa vida.
Os datos dispoñibles das últimas macroenquisas realizadas tanto en España coma na comunidade Galega (2006), encargadas polo Instituto da Muller e o Servizo Galego de igualdade, fan referencia a unha porcentaxe de mulleres que se autoidentifican como maltratadas do 3.6%, en España e do 3.2%, en Galicia.
Nun estudo recente que levamos a cabo en Portugal con, 500 estudantes universitarios/as, un 2.7% das entrevistadas afirmaron ser maltratadas polas súas parellas ou ex-parejas (Rodríguez e Nunes, en prensa).
Non obstante, a crua realidade desta violencia exercida contra as mulleres demóstranos as cifras arrepiantes de mulleres que morreron ás mans das súas parellas ou ex-parejas. En España, segundo os datos oficiais do Ministerio de Igualdade, dende o ano 2000, un total de 585 mulleres morreron pola violencia de xénero. A maioría das vítimas inclúense na franxa comprendida entre os 21 e os 50 anos. En Portugal, dende o ano 2004 ata o ano 2008, morreron un total de 145 mulleres ás mans das súas parellas ou ex-parellas, así o demostran as cifras recollidas no observatorio de mulleres asasinadas da Unión de Mulleres Alternativa e Resposta (UMAR). O máis preocupante é que no último ano se produciu un incremento do número de mulleres mortas vítimas da violencia masculina, a maioría con idades comprendidas entre os 24 aos 35 anos.
Todos estes datos evidencian que a violencia contra as mulleres se estende non só nos países menos favorecidos, nos que os dereitos lexítimos das mulleres non son amparados polas leis, senón tamén nos denominados países desenrolados, con regulamentos xurídicos que supostamente garanten os dereitos de igualdade entre homes e mulleres. Sem embargo, a pesar da vixencia de novas leis contra a violencia de xénero, un 78.6% das estudantes universitarias portuguesas cren que a lei actual non protexe as mulleres contra a violencia de xénero (Rodríguez e Nunes).
Polo tanto, para erradicar a violencia de xénero, é necesario atacar as súas raíces, que é o patriarcado, as actitudes sexistas e misóxenas. Para iso, a educación coma medida de prevención constitúe unha ferramenta imprescindible, na que é necesario a implicación dos mestres e das mestras xunto cos pais e as nais, coa finalidade de educar as rapazas e os rapaces dende a coeducación baseada en valores e actitudes tolerantes, democráticas, igualitarias, xustas e de respeito pola diferenza entre homes e mulleres.

Yolanda Rodríguez Castro


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo