A pobreza é a maior e máis cruel das violencias que soporta
o ser humano. Situación á que non só non debe ser indiferente á educación senón
que ademáis debe ocupar un lugar preferente en todas as áreas e etapas educativas.
Para elo debemos invitar ao noso alumnado a dirixir a nosa mirada tanto ás poboacións
do sul do planeta como ao que denominamos cuarto mundo -os pobres e excluidos
do primeiro mundo-. Non podemos esquecer que tanto nun caso como no outro, a
distancia entre a riqueza e a pobreza lonxe de diminuir está a aumentar. Algo
falla neste sistema consagrado ao mercado e á libre competencia cando non é
capaz ou non lle interesa solucionar este grave problema cando por outro lado
é "técnicamente" posible. A lóxica do mercado imperante, asentado no culto da
eficacia, do trunfo a calquer precio, da competitividade, está a nos levar a
catro grandes consecuencias que acentúan a exclusión social e que teñen as súas
repercusións no plano educativo:
- A reducción da presencia do estado, o que se ten denominado o "estado mínimo".
- A privatización das funcións públicas, como está a acontecer coa educación
e a sanidade.
- A desregulación dos controles públicos, xa que se cree que o mercado o
fará.
- A promoción da cultura da xestión empresarial como modelo a imitar, e que
desde hai anos está a ter unha forte incidencia na organización e xestión
dos centros educativos.
Frente a lóxica do mercado, da indiferencia, dos intentos
de convertirnos en clientes en lugar de cidadáns, a educación para a paz, o
desenvolvemento e a xustiza funde as súas esperanzas nunha das manifestacións
máis tenras e xenuinas do ser humano, a solidariedade, "la ternura de los pueblos"
en palabras de Ernesto Cardenal. Por medio da planificación de accións concretas,
decididas por toda a comunidade educativa a través dos órganos democráticos
de xestión, a solidariedade debe ser un dos sinais de identidade de todos os
centros educativos. En consecuencia, propomos que cada comunidade educativa
aprobe anualmente un proxecto de solidariedade que ben pode ser para intervir
na zona de influencia do centro ou noutra localidade ou país. Proxectos que
poden ocupar o traballo e os esforzos de máis dun ano académico e que teñen
como obxectivo central facilitar ao alumnado, as súas familias e ao profesorado
un cambio de actitudes e comportamentos en relación ao problema dos desequilibrios
económicos, sociais e culturais, dentro e entre os pobos.
Pero ademáis, a educación para o desenvolvemento e a xustiza esixe analizar
igualmente as prácticas que se producen no propio sistema educativo, co fin
de evitar calquer tipo de discriminación ou inxustiza. Por elo, hai unha serie
de preguntas clave que non podemos obviar
- ¿Quen fracasa no sistema educativo?
- ¿O sistema educativo reforza aos que máis o necesitan ou polo contrario
aos que menos?
- ¿Existe realmente a igualdade de oportunidades?
- Baixo o térmo de atención á diversidade, ¿escondense medidas discriminatorias,
de exclusión?
- ¿Que tipo de respostas educativas ofrecen os centros aos diferentes tipos
de diversidade?
- ¿Que tipo de medidas -de recursos humanos, pedagóxicas, etc.- ofrecen as
administracións educativas para a atención da diversidade?
Desde esta lectura, insistimos en que a educación non é un
ben de consumo, con independencia de que para algúns si o sexa, senon que ante
todo é un dereito de todas e todos recollido como tal no artigo 26 da Declaración
Universal dos Dereitos Humanos e na maior parte das constitucións europeas.
Neste sentido, como sinala Connell, a xustiza social en educación non só pode
estar centrada sobre o "cánto" (anos de escolarización e acceso aos estudios
superiores), senón tamén no "qué", o propio currículum, a "xustiza curricular".
Por elo, coincidimos con este autor cando afirma que "unha educación que privilexia
a un neno sobre outro está dando ao primeiro unha educación corrupta, á vez
que lle favorece social ou económicamente". En definitiva, trátase de analizar
a exclusión social non só desde a orixe social do alumnado senón tamén aquela
que pode xerar o propio sistema educativo, en moitos casos tomando como coartada
un mal entendimento da diversidade.
|